Cartel exposición

Coincidindo coa inauguración da exposición “O berce do libro” que se poderá visitar no edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia ata o vindeiro 31 de marzo de 2015, Galiciana quere presentar aos seus usuarios e usuarias 15 novos incunables dixitalizados. Con estas novas dixitalizacións a Xunta de Galicia está a continuar co compromiso adquirido de transformar a formato dixital os 66 incunables do fondo bibliográfico de ABANCA depositados na Biblioteca de Galicia.

A colección de incunables de ABANCA representa unha inesperada e grata sorpresa dentro do mundo cultural galego. Variada e representativa, ofrece unha ocasión única para coñecer e gozar dunha etapa irrepetible da historia do libro impreso. Neste valioso fondo podemos atopar exemplos dos principais centros impresores da época incunable, ofrecéndonos unha ampla e completa panorámica da nova arte da impresión, un acontecemento que rapidamente conquistou boa parte de Europa.

A exposición bibliográfica “A cuna do libro” permitirá acercarnos ás diferentes tipografías, ilustracións, estrutura de páxinas e tratamento de iniciais que van marcando e subliñando unha lenta evolución cara á perfección e a autonomía do libro impreso. Trátase dunha coidada mostra que nos invita a coñecer en profundidade unha expresión artística que, xa no seu berce, vai conseguir moitos dos seus máis altos logros.

Como complemento desta acción divulgativa da Biblioteca de Galicia, ofrecemos neste microespazo un total de 18 incunables dixitalizados para poder gozar, desde calquera lugar e en calquera momento, destas valiosas obras que, na súa época, supuxeron unha maneira de democratizar a cultura, tal e como o fan as novas tecnoloxías na actualidade. Para destacar o importante que é para a Biblioteca de Galicia ser depositaria deste fondo bibliográfico, presentamos como novidade 10 deses incunables dixitalizados como libros interactivos, nun intento por facer máis atractivos aos nosos usuarios e usuarias estas xoias bibliográficas e achegalos á experiencia virtual de estar ollando un libro de máis de 500 anos de antigüidade.

Acceso a libros interactivos