portada_follas_novas

Na actualidade a sección de monografías de Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia dá acceso a 5.053 títulos. O formato desas imaxes é JPEG, o máis empregado nas bibliotecas dixitais de todo o mundo, aínda que tamén conta con algunhas obras en formato PDF. No 2018 a Biblioteca de Galicia considerou que sería enriquecedor para Galiciana-BDG incluír novos formatos, como o ePub, coa intención de favorecer a difusión das obras patrimoniais galegas e facilitar o acceso á información dos usuarios desde diferentes dispositivos. Este proxecto púxose en marcha sobre unha selección de 16 obras clásicas da literatura galega.

Durante o ano 2019, a Biblioteca de Galicia continuou coa incorporación de novos títulos en formato ePub. Esta vez foron 14 as obras convertidas a formato ePub, o que permite a súa lectura nos múltiples dispositivos cos que é compatible este formato (tabletas, e-readers, móbiles, ...) e a súa descarga libre e gratuíta.

Actualmente forman esta colección 30 títulos de obras clásicas da literatura feita en Galicia, en galego e castelán: Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Marcial Valladares, Lamas Carvajal, Sofía Casanova, Antón Villar Ponte ou Alejandro Pérez Lugín, entre outros. Dos grandes autores do Rexurdimento, Rosalía, Pondal e Curros, transformáronse a formato ePub os seus títulos máis significativos e procurouse tomar como referencia as primeiras edicións desas obras.

En canto aos xéneros escollidos, a poesía e a novela son os maioritarios, ainda que tamén contamos cun ensaio, "Nuestra afirmación regional" e cunha biografía de Manuel Curros Enríquez escrita por Augusto González-Besada e Félix Melendo.

Co obxectivo de darlle unha mellor difusión a esta colección créase en Galiciana-BDG este micrositio. Baixo o título de “Grandes clásicos da literatura galega”, dá acceso individualizado aos rexistros bibliográficos destas obras de dominio público, que poderán descargarse libre e gratuitamente en tres formatos, JPEG, PDF e máis ePub. Ademais, para a xeración dos arquivos PDF e ePub realizouse un proceso previo de recoñecemento óptico de caracteres (OCR) que levou aparellado a corrección dos textos obtidos, o que mellora os resultados das procuras a texto completo sobre esas obras.