Seguindo ca súa vontade de colaborar na preservación e difusión dos fondos das principais institucións bibliotecarias de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asinou un convenio co Museo do Pobo Galego para a dixitalización de 202 obras que supuxeron un total de 36.046 imaxes para Galiciana.

Para poñer en valor esta nova colaboración, poñemos en marcha o micrositio “Festas de Galicia” que permite consultar programas de festas das principais cidades de Galicia publicados entre os anos 1880 e 1958. A maior parte das 122 obras dixitalizadas deste subcatálogo proceden da biblioteca do Museo do Pobo Galego que é un referente bibliográfico para a cultura galega, principalmente no campo das humanidades.

Con este novo micrositio pretendemos acercar aos nosos usuarios uns documentos vencellados co mellor das nosas cidades e vilas e que, de seguro, manexaron nalgún momento da súa vida. Seleccionáronse programas das principais festas de Galicia, como o San Froilán de Lugo, o Apóstolo de Santiago, a Peregrina de Pontevedra ou o Corpus de Ourense. Todos eles permiten acercarnos, non só a vida cultural e social desas épocas, senón tamén o seu eido económico, polo papel determinante que os comercios e empresas locais facían neses anos mediante o patrocinio das festas.

Obras destacadas