Manuel Chamoso Lamas (A Habana, 1909 - A Coruña, 1985) foi arqueólogo e escritor. Durante a Guerra Civil incorpórase a filas participando no "Servizo de Recuperación Militar" nos frontes de Madrid e Levante coa misión de recuperar o patrimonio cultural. Durante a postguerra seguiu participando nos labores de recuperación do patrimonio, ocupando diversos cargos. En 1967 dirixe o Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela, do que foi fundador. Foi presidente da Real Academia Galega de Belas Artes e membro da Real Academia Galega e do Instituto de Estudos coruñeses José Cornide.

O fondo Chamoso Lamas, composto por 173 pezas, foi adquirido pola Consellería de Cultura no ano 1988, estivo depositado no Museo Carlos Maside e finalmente foi devolto e depositado na Biblioteca de Galicia por Isaac Díaz Pardo cando entrega o seu propio fondo.

Trátase dun fondo especializado na guerra civil española, que abarca unha ampla variedade de tipos documentais: monografías, folletos, publicacións periódicas, debuxos, láminas, postais e fotografías.

Nesta primeira dixitalización, realizáronse copias dixitais de 39 monografías e folletos, dos cales, 11 ofrécense a texto completo a través de Galiciana-Biblioteca Dixital, o resto das copias dixitais poderanse consultar nas instalacións da Biblioteca de Galicia pois ainda teñen vixentes os seus dereitos de propiedade intelectual.