Como cada 23 de abril, celebramos o Día Internacional do Libro. En España, como se pode ver en múltiples exemplares recollidos no Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico, o día do libro non sempre se celebrou o 23 de abril. O rei Alfonso XIII asinou o 6 de febreiro de 1926 un Real Decreto polo que se creou oficialmente a Festa do Libro Español, que se celebraría na data en que se cría entón que nacera Cervantes, o 7 de outubro. A idea orixinal foi do escritor e editor valenciano Vicente Clavel Andrés, propoñéndoo á Cámara Oficial del Libro de Barcelona, onde foi aprobada en marzo de 1925, propoñendo a dita entidade que se celebrase en outubro de cada ano, na data do nacemento de Cervantes.

Pouco despois, en 1930, instáurase definitivamente a data do 23 de abril como Día do Libro, o día que morreu Cervantes.
A celebración arraigou rapidamente en toda España, en especial nas cidades sede de Universidades, desde Barcelona, estendeuse por toda Cataluña, aínda que a denominación oficial foise diluíndo aos poucos ao coincidir co día do santo Patrón, coñecido como "Día de San Xurxo" (Diada de Sant Jordi). Noutras zonas non universitarias de España a festa mantíñase con escasa importancia ou mesmo desaparecía aínda que desde os anos 80 do século XX volve con forza, sobre todo en Madrid. Co tempo fíxose tradicional en Cataluña o intercambio e agasallo de rosas e libros entre parellas e persoas queridas nesa data, converténdose nunha das xornadas populares máis celebradas.

En España celébrase tamén nesta data a entrega anual do Premio Cervantes, o maior galardón outorgado aos autores hispanos.

Esta tradición foi un dos argumentos utilizados pola UNESCO para declarar o 23 de abril «Día Internacional do Libro». Foi na Conferencia Xeral da UNESCO, celebrada en París en 1995, onde se decidiu render unha homenaxe universal aos libros e autores nesta data, alentando a todos, e en particular aos mozos, a descubrir o pracer da lectura e a valorar as irreemplazables contribucións daqueles que impulsaron o progreso social e cultural da humanidade, instituíndo para este fin o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, así como o Premio UNESCO de Literatura Infantil e Xuvenil Prol da Tolerancia.

Galiciana únese á gran festa do libro, destacando o papel dos primeiros impresores que chegaron a Galicia, eles foron os pioneiros do libro galego. Estes primeiros impresores pódense ver dunha forma novidosa e visual a través do Timeline que  Galiciana ofrece no micrositio do Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico de Galicia. A través desta liña do tempo podemos consultar, ademais dos lugares onde traballaron en Galicia a través dun mapa, un rexistro completo de cada impresor, con ligazóns ás súas obras e se estas están dixitalizadas, acceder á copia dixital, para observar os primeiros traballos de impresión feitos en Galicia.

O primeiro impresor recolleito no Timeline é Vasco Díaz Tanco, aínda que natural de Fregenal de la Sierra (Badaxoz), establece a súa imprenta en Ourense onde imprime en 1544, La carta que se mando poner al principio de las Constituciones sinodales de Orense, cuxo orixinal se conserva na biblioteca do Mosteiro de Poio e cuxa copia dixital podemos consultar a texto completo en  Galiciana.