Con motivo do centenario da revista Nós, Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia presenta un novo micrositio dedicado a esta publicación fundamental da cultura galega. Este novo micrositio, ademais de dar acceso de forma individualizada á dixitalización da revista, permite acceder a un novo portal (revistanos.galiciana.gal). En colaboración con AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), e tomando como referencia a información e as imaxes proporcionadas por Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia, esta nova web presentará dunha forma innovadora e moi visual os datos de todas as persoas, lugares, institucións e acontecementos históricos que rodearon á revista Nós durante os seus 15 anos de vida.

Toda esta información articularase en torno a un “grafo de coñecemento” construído específicamente para a revista Nós. Igual que o cerebro almacena os nosos recordos nunha rede de experiencias conectadas conformando unha base de coñecemento, un grafo de coñecemento é un modo de almacenar datos que permite dotalos de estrutura e contexto. A visualización deste grafo a través da web revistanos.galiciana.gal permite que os usuarios se acheguen dun xeito relacionado a todos os intelectuais que colaboraron na revista, desde Castelao, a Cuevillas ou Vicente Risco, así como a todos os artigos e números que se publicaron. Todos estes datos estarán contextualizados a través dunha liña do tempo que incluirá os feitos históricos máis relevantes acaecidos en Galicia durante o período que vai de 1845 a 1936.

Coa presentación do novo portal revistanos.galiciana.gal, Galiciana-BDG pon a disposición de todos os usuarios esta nova forma de presentación dos datos creados e aloxados nos catálogos tradicionais das bibliotecas dunha forma gráfica e interactiva, coa intención de que axude a entender mellor o universo da revista Nós e o seu contexto histórico e de facilitar á cidadanía a busca de información e a aprendizaxe.