O 21 de marzo é o Día Mundial da Poesía. A UNESCO aprobou esa proclamación en París en 1999. De acordo coa decisión da UNESCO, o principal obxectivo desta acción é “apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e dar a oportunidade ás linguas ameazadas de ser un vehículo de comunicación artística nas súas respectivas comunidades”. Ademais, celebrar este día ten, entre outras finalidades, promover o ensino da poesía e crear unha imaxe atractiva da poesía nos medios de comunicación, para que non se considere unha forma anticuada de arte, senón unha vía de expresión que permite ás comunidades transmitir os seus valores e reafirmarse na súa identidade.

A poesía é unha manifestación da diversidade no diálogo, da libre circulación das ideas por medio da palabra, da creatividade e da innovación. A poesía contribúe á diversidade creativa ao cuestionar de maneira sempre renovada a forma en que usamos as palabras e os nosos modos de percibir e interpretar a realidade.

Na historia cultural de Galicia este xénero literario xogou un papel determinate. Non só os títulos máis destacados da literatura galaico-portuguesa son obras líricas, senón que tamén o son gran parte das obras que identifican o Rexurdimento literario da nosa lingua.

O Rexurdimento foi un movemento social, literario e intelectual cronoloxicamente situado na segunda metade do século XIX. Na súa vertente literaria foi, sobre todo, un movemento poético do que xurdiron obras cumes da nosa literatura como Cantares gallegos, publicada en 1863, Aires dá miña terra, que viu a luz en 1880, ou Queixumes do pinos, que tivo como primeira data de publicación 1886.

Rosalía, Curros e Pondal foron os grandes poetas do rexurdir da nosa lingua e con motivo da celebración do Día da Poesía, Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia quere destacar a obra poética dixitalizada dos pais da nosa literatura.

Ofrecemos a continuación toda a obra poética, tanto en galego como en castelán, destes tres autores á que se pode acceder en Galiciana en formato JPEG, PDF/PDF e ePub.

Rosalía de Castro