cartel_let_galGaliciana-Biblioteca Dixital de Galicia quere contribuír á conmemoración do Día das Letras Galegas 2019, dedicado a Antonio Fraguas Fraguas, coa creación dun novo micrositio que recolla o labor como articulista deste prolífico autor.

Antonio Fraguas foi historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo. Todos os seus esforzos dirixíronse a ampliar e difundir o coñecemento sobre a cultura galega. Con este fin, colabora desde moi novo coa prensa, tanto en revistas especializadas nos seus campos de estudo, como nos grandes diarios de ámbito xeral da nosa comunidade.

Desde os seus inicios, a sección de Hemeroteca de Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia constitúe o gran proxecto desta biblioteca dixital. O seu obxectivo era, e segue sendo, conservar as publicacións periódicas galegas en risco de desaparecer, así, hoxe en día temos como resultado unha importante colección de xornais e revistas en formato dixital, que non deixa de medrar.

Para elaborar o micrositio de Antonio Fraguas realizouse un baleirado das publicacións periódicas que se atopan dixitalizadas en Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia. O resultado dese baleirado é unha colección de 68 artigos pertencentes a publicacións como La Noche, que achega 61, todos escritos en castelán excepto un, A man do cruceiro, no que conta a visita de Castelao a Loureiro, Cotobade, terra natal de Fraguas, para debuxar os seus cruceiros. En El Pueblo Gallego publicou 3 artigos, entre eles o primeiro que Antonio Fraguas escribe na prensa, o 8 de outubro de 1927, dedicado ao escultor Uxío Souto.

Tamén queda recollido neste micrositio o primeiro traballo de Fraguas sobre arqueoloxía, Mámoas do Saviñao, que publica en 1930 en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, xunto a Florentino López Cuevillas e María Pura Lorenzana. No número de outubro de 1955, dedicado a Lugo, da revista Vida Gallega, publica un artigo sobre o río Miño e as súas lendas,  dixitalización que ofrecemos neste novo micrositio. Finalmente, quedan recollidos tamén dous artigos de 1969 e 1974 que Fraguas escribiu para os programas das festas na honra do Apóstolo, celebradas en Santiago de Compostela.