A colección da Biblioteca da Real Academia Galega ten a súa orixe en decembro de 1905 con doazóns feitas por membros da institución ou tamén polos propios autores que foron remitindo as súas obras. É salientable, entre outras, a importante colección de folletos editada pola comunidade galega en América e mais polo tecido asociativo co que se contaba en Galicia a comezos do século XX, a Biblioteca do Convento de Montefaro ou as bibliotecas individuais como a de Pardo Bazán ou a de Manuel Murguía.

 

 

En canto a temática, trátase dunha biblioteca especializada na área das humanidades, sobre todo, nos campos da historia, folclore, literatura e lingua de Galicia. É, polo tanto, de consulta obrigada para calquera achega á cultura galega, xa que se configura como un servizo esencial no fomento do estudo e no apoio á docencia ou á investigación de toda a comunidade galega, reunindo, conservando e espallando todos aqueles recursos bibliográficos e informativos dos que dispón. A Biblioteca da RAG conta cunha importante sección de Hemeroteca na que conserva fondos de máis de 2.500 cabeceiras de revistas publicadas ao longo dun período de douscentos anos.

 

 

 

Galiciana-Biblioteca Dixital reúne neste novo micrositio, arredor de 900 títulos de monografías e publicacións periódicas fruto da dixitalización dos fondos da RAG. 76 destes títulos de publicacións periódicas corresponden á dixitalización realizada dentro da primeira convocatoria, 2018-2019, de subvencións de AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) para a dixitalización do patrimonio cultural galego.

A selección que fixo a Real Academia para o seu proxecto reúne títulos tan significativos da prensa galega como O Tío Marcos d'A Portela, As Burgas, Mondariz, O Vello do Pico-Sagro, A Nosa Terra, Nós: páxinas gallegas do diario da Cruña El Noroeste ou Alfar. Por outra parte, foron seleccionadas un conxunto de revistas americanas, editadas as máis delas polas colectividades galegas que viviron na emigración cubana e arxentina a finais do século XIX e principios do XX, como o Boletín oficial del Centro Gallego de Buenos Aires, Eco de Galicia, Follas novas ou A Fouce. En total foron dixitalizadas nesta primeira convocatoria de subvencións da AMTEGA máis de 135.000 páxinas que contan cun proceso de OCR que permitirá a busca a texto completo.