SIEMPRE PALPITANTE, EMILIA PARDO BAZÁN
Neste ano 2021 celébrase o centenario da morte de Emilia Pardo Bazán con diversos actos, congresos internacionais, actividades de formación, producións teatrais, conferencias e varias exposicións. Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia quere sumarse a esta conmemoración coa publicación dun novo micrositio que recolla nun único punto de acceso as obras escritas ou protagonizadas por esta muller excepcional e que foran obxecto dun proceso de dixitalización.
En total reúnense 90 obras dixitalizadas que supoñen 23.401 imaxes. En canto aos formatos destas imaxes, ofrecemos jpeg e pdf, ademais de 12 títulos que tamén se poden descargar en formato epub para poder lelos nos dispositivos móbiles (teléfonos e tablets).
Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851-Madrid, 1921) foi unha escritora polémica e extraordinariamente prolífica e polifacética: novelista, ensaísta, crítica, conferenciante, tradutora, editora, catedrática, correspondente española no estranxeiro... E tamén Presidenta de Honra da Real Academia Galega, o que a compensou da inxustiza de que non a aceptasen na Real Academia Española.
Emilia Pardo Bazán comeza a súa carreira de escritora baixo a influencia das teorías estéticas do naturalismo francés, iniciado por Émile Zola. Publica a maior parte dos seus escritos —novelas, contos, artigos de prensa— en periódicos e revistas, antes de formar parte de coleccións en forma de libro.
Internacional, cosmopolita, ávida lectora de literaturas en diferentes linguas, Emilia Pardo Bazán nunca se vai afastar dunha Galicia que zumega formas de sentir e paisaxes afectivas nunha parte importante e esencial da súa obra. Velaí a novela Los Pazos de Ulloa como exemplo sobranceiro.
A súa obra ensaística é moi extensa, variada e, alén diso, abrangue unha ampla gama de xéneros, como a crítica literaria, viaxes, biografías, libros de cociña, etc. Funda, financia e dirixe as revistas Galicia (1880) e Nuevo Teatro Crítico (1891-1893). Lanza un proxecto editorial ambicioso, a colección La Biblioteca de la Mujer (1892-1917), que intenta facilitar o acceso das mulleres españolas ás obras internacionais de temática feminista e ideas progresistas.
A maior parte dos seus contos foron escritos na madurez, na última década do século XIX. Neles predominan a imaxinación e a fantasía fronte a descrición naturalista. Escribiu pezas mestras do xénero, como Un destripador de antaño, Sud-exprés (cuentos actuales), Arco Iris (cuentos), Cuentos de Marineda, Cuentos sacro-profanos, Cuentos trágicos, La leyenda de la Pastoriza o Cuentos escogidos.