Co gallo da celebración dos seus 10 anos de andadura, a BdG achega máis información ao micrositio dedicado ao Catálogo Colectivo do Patrimonio galego. 

Por un lado, un mapa interactivo permite localizar todas as institucións participantes no catálogo. Cada punto do mapa contén información sobre o nome da institución, o enderezo e a páxina web ou redes sociais se dispón delas.

O mapa permite desmarcar esta capa informativa e pasar a outra onde se pode visualizar o número de documentos catalogados en cada centro, o punto ten maior tamaño cantos máis documentos se catalogaran nesa biblioteca. Finalmente hai varias capas por períodos de tempo que nos falan do momento en que se incorporou un novo centro ao proxecto.

En todo momento o público pode achegar ou afastar o mapa para ver a información segundo lle interese e tamén pode cambiar a forma de visualizalo (en forma de mapa topográfico, de rueiro, en negro etc). 

Por outra parte, o micrositio conta agora con dous apartados de estatísticas relativos ás institucións participantes e á colección do catálogo.

As institucións analízanse tanto por tipoloxía, coma por distribución xeográfica.

Da colección ofrécense estatísticas por tipoloxía, cronoloxía, lingua e lugar de publicación. Tamén constan datos da súa dixitalización e da súa evolución nestes últimos 10 anos.

 Ademais a información textual ou gráfica compleméntase con información audiovisual: 

  • Por unha banda, do micrositio colga un vídeo que conta a historia da elaboración do catálogo desde o ano 1986 ata os nosos días: a evolución dos soportes no tempo, os fluxos de traballo, a informatización, a dixitalización, o acceso e a difusión durante estes máis de 30 anos. 

  • Por outra banda, desde a páxina accédese a catro videotitoriais que explican como funciona o catálogo. Pretenden axudar á cidadanía a manexarse o mellor posible co programa que acolle o catálogo: como facer as buscas e como tirar o maior partido posible de todas as opcións que ofrece.