Biblioteca Municipal de Estudos Locais da Coruña

A Biblioteca Municipal de Estudos Locais da Coruña abriu as súas portas en maio do ano 1991 coa misión de reunir, organizar, difundir e conservar todo tipo de información relacionada coa Coruña e temas xerais de Galicia. Forma parte do Servizo Municipal de Bibliotecas do Concello da Coruña e foi recoñecida pola Xunta de Galicia como “biblioteca de especial interese”. Nela consérvanse todo tipo de publicacións relacionadas coa cidade da Coruña, así como destacadas obras da literatura galega e de temática xeral de Galicia, tratando de constituír un importante fondo galego que, ademais de servir de apoio ao local, sexa protagonista por si mesmo.

 

Proxectos de dixitalización

Como institución municipal destinada a garantir e facilitar o acceso á información local quixo asumir os retos expostos polos avances das novas tecnoloxías da información e da comunicación que levan a definir novos modelos de servizos de información que respondan as demandas dos usuarios. Tratando de cumprir ca súa vontade de adaptación á contorna dixital, a Biblioteca de Estudos Locais puxo en marcha durante o ano 2012 un primeiro proxecto de dixitalización dos seus fondos en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Naquela altura seleccionárase un conxunto uniforme de documentos que ían desde o século XVII ao XIX. A través deles pódense repasar distintas áreas do coñecemento, desde a historia da Coruña, por medio de publicacións menores como bandos, ordenanzas, regulamentos, instrucións ou boletíns, ata a historia de Galicia a través de grandes historiadores como López Ferreiro, Martínez Salazar ou Benito Vicetto. Tamén se dixitalizaran obras de autores tan destacados para a cultura galega como Manuel Murguía, Sánchez Bregua, Alfredo Brañas ou Valentín Lamas Carvajal. Todo elo baixo o denominador común de servir como referente para o estudo da historia da Coruña e de Galicia a través dos seus protagonistas. A Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia non quixo manterse á marxe deste importante proxecto de dixitalización que contribuía á preservación e difusión do noso patrimonio bibliográfico e documental. Para elo, facilitou todos os medios técnicos á súa disposición para que eses fondos dixitalizados foran accesibles e interoperables a través de Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia. En total dixitalizáronse neste primeiro proxecto, 134 obras que sumaron 18.440 imaxes.

 

bando escritores_1 audiencia escritores_2 festas coruña

Durante os anos 2018 a 2020, a Biblioteca Municipal de Estudos Locais desenvolveu un segundo proxecto de dixitalización no marco das axudas da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia). Nesta ocasión, a Biblioteca Municipal presenta a dixitalización de 33 títulos de publicacións seriadas galegas, básicamente coruñesas, que reflicten a realidade histórica da Galicia decimonónica e de principios do séculos XX. O material seleccionado nesta ocasión resulta moi interesante xa que recolle unha variada mostra de materias, desde xornais xeneralistas locais a revistas especializadas en temas tan dispares como a radio, o cinema, a agricultura ou o automobilismo. Merecen especial atención as revistas satíricas e ilustradas procedentes casi todas elas da colección da Familia González Mariñas, mostrando en clave de humor todos os acontecementos políticos e sociais que estaban a suceder na Coruña daquela época. En total ofrécese neste novo proxecto, 88.174 páxinas dixitalizas.